Neste 25 de novembro, reproducimos, para a reflexión dos xogadores e xogadoras, pais e nais, o texto que chega ó noso email dende a concellería de igualdade.
Estimados amigos,
Como sabedes, todos os 25 de novembro facemos unha homenaxe ás vítimas que morreron pola violencia machista e ás mulleres que a están a sufrir neste momento.
Lamentablemente é un problema moi complexo que todos os anos nos golpea con ao redor de cincuenta mortas no estado español e máis de setecentas en Europa. En Galiza xa levamos seis. Acaba de publicarse un estudo estatístico onde se descubriu que máis de SEIS MILLÓNS DE EUROPEAS sufriron, sufrimos, nalgún momento violencia machista verbal, psicolóxica, física ou sexual. Iso supón unha de cada tres europeas, o que coloca esta cuestión como un grave problema social.
Por ser iso, un grave problema social, é un problema de todas e de todos, non só das vítimas ou das mulleres en xeral. Precisamos que os mozos que non comparten estas situacións nos acompañen no camiño.
Machismo non é sinónimo de home, machismo é unha actitude e pódea ter tanto un home como unha muller. Loitamos contra o machismo, non contra os homes. Loitamos contra persoas (homes e mulleres) que exercen violencia de calquera tipo sobre as mulleres só polo mero feito de selo.
Precisamos aos bos e xenerosos, que queren construír un mundo igualitario e xusto. Chamámosvos a vós, aos nosos fillos, ás nosas parellas, aos nosos irmáns, aos nosos pais, que nos acompañedes nesta dura loita para gañala. Todas as mans son poucas. Se hai solución, vós sodes parte dela. Por iso vos convidamos á concentración contra a violencia machista que terá lugar o 25 de novembro na praza Oito de Marzo ás 20.00 horas onde nos reuniremos todos e todas os que queremos acabar con esta tara.